miércoles, 9 de noviembre de 2011


O propósito destas páxinas non é tinguir de escepticismo ou de nostalxia a tarefa educativa. Xa temos suficiente coas miserias que día a día nos relatan os xornais ou a televisión. O que quixera é contribuír ao retorno da esperanza na educación. Parto da hipótese de que non cremos nela. Pensamos que é inútil intentalo,investir máis esforzos nin palabras. Os impedimentos e os obstáculos que se interpoñen á vontade de formar as persoas son tantos que non é necesario perder máis tempo. Este sentimento de impotencia é o síntoma dunha realidade: a escaseza de discusións e debates serios sobre as finalidades da educación. Lamentámonos moito, iso si, de que a escola non funciona ben, de que a familia abdicou da súa responsabilidade e de que o ámbito mediático non contribúe en absoluto a facilitar as cousas. Dende a política, modifícanse cada dous por tres as leis de educación, pero nunca se enfronta con decisión e directamente a elevada taxa de fracaso escolar que temos. O discurso é negativo, non construtivo, porque ninguén se formula en serio cara a onde queremos ir.
Diversos factores poden explicar o que está a pasar. Un deles é que as sociedades evolucionan no bo sentido, é dicir, que progresan. As mulleres empezaron a poder traballar fóra de casa e a competir cos homes na vida pública. O dereito á educación universalizouse ata o punto de que a reivindicación política do momento é a escolarización dos menores de tres anos, porque ata os dezaseis xa están escolarizados. Dous avances indiscutibles que, á súa vez, deixan ao descuberto uns baleiros que antes pasaban desapercibidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario